Moitos
son os muíños que aquí se encontran, anque
dunha maneira especial se deben citar os localizados nos lugares
de Serres e Torea, por estar en funcionamento ata fai moi poucos
anos. Característica común a eles é a estructura
de planta rectangular na que se combina a cantería e a cachotería.
Pero de calquera maneira, a obra culminante neste sentido sería
o Muíño do Pozo do Cachón, situado na parroquia
de Serres. Trátase dun muíño de marea construído
no primeiro cuarto do século XIX que se comezou a rehabilitar
non ano 1990 por iniciativa do Concello da vila e baixo proxecto
do arquitecto D. Jesús Anaya Díaz. A súa importancia
estriba en que é un dos muíños desta tipoloxía
máis grandes de España e as
súas instalacións teñen un alto interese etnográfico,
artístico e cultural, formando parte da historia local desta
terra. A súa planta é rectangular alcanzando un gran
desenrolo lonxitudinal, na que se diferencia a zona de muíños
propiamente dita e a parte que antigamente estivo dedicada a almacén.
Nesta última parte funcionaron a principios de século,
por iniciativa de D. Abelardo Dubert, os Baños de Santa Rita,
unha casa de baños especializada na curación de enfermidades
a base de baños temperados de algas e auga mariña.
Xunto ó edificio do
muíño emprendéronse tamén nos últimos
anos labores de recuperación da ponte pola que se accede
a este edificio. Na actualidade funciona como centro cultural con
diversas actividades ó longo do ano, e nun futuro podería
albergar o Museo Etnográfico e Histórico de Muros.
Nas inmediacións dispónse dunha área recreativa,
concibida a maneira de auditorio ó aire libre, que contribúe
a resaltar a fermosura e singularidade da obra.
|