As Xornadas de cultura mariñeira, “Muros Mira ao Mar”, naceron no ano 2004 como unha aposta innovadora por parte do Concello de Muros, que viña a complementar as accións da posta en valor do patrimonio cultural marítimo en Galicia. A posta en valor deste patrimonio cultural e marítimo converteuse nun obxectivo de primeira orde ao tratarse dun signo identitario que estaba a caer en estado de abandono. Así, o obxectivo último desta iniciativa, asumida polo Concello de Muros, era crear un produto de turismo cultural no que se conxugan as raíces do patrimonio mariñeiro coa difusión dunha das vilas mariñeiras máis fermosas de Galicia.

O turismo cultural estase a converter nunha importante ferramenta de desenvolvemento económico sendo un dos sectores que máis creceu nestes últimos anos. As actividades das Xornadas de cultura mariñeira “Muros Mira ao Mar” suporán para o público, que poida asistir a un espectáculo patrimonial de primeiro nivel.

A Federación Galega da Cultura Marítima e Fluvial o pasado 2009 elixiu a vila de Muros como sede dos IX Encontro de Embarcacións Tradicionais de Galicia; converténdose Muros na capital galega da cultura mariñeira, e reunindo no peirao muradán ao redor de 120 embarcacións tradicionais doutras zonas marítimas do país (Valencia ou Euskadi) e de Europa (Francia e Portugal). Ademais, estes econtros convertéronse nunha edición especial debido a que eran os primeiros encontros levados a cabo despois da Festa Marítima Internacional que tivo lugar en Brest (Francia) no ano 2008.

Porén, neste 2010, queremos que o IX Encontro de Embarcacións Tradicionais de Galicia sirva para impulsar a nivel galego a celebración das VI Xornadas de Cultura Mariñeira “Muros Mira ao Mar”, ademais de supoñer unha aprendizaxe de alto nivel para a organización dun evento de gran complexidade.

Estas xornadas de exaltación da nosa cultura caracterízanse por contar cun extenso programa onde se dan cabida numerosas actividades coma: exposicións, obradoiros tradicionais, espectáculos das artes escénicas e musicais, degustacións, concentracións e regatas de embarcacións tradicionais, mercado mariñeiro, carpas temáticas… e un longo etcétera.

Trátase, en definitiva, de aproveitar o esforzo feito por toda a veciñanza de Muros na organización do IX Encontro de Embarcarcións Tradicionais de Galicia, para converter as Xornadas de cultura mariñeira “Muros Mira ao Mar” nun referente no panorama cultural de Galicia. A edición 2010 vén a consolidar o apoio de entes públicos como a Xunta de Galicia ou a Deputación da Coruña, apoios que supoñen un recoñecemento da importancia acadada polo evento dentro do marco de Galicia e indo máis aló, a nivel estatal, xa que contaremos coa participación de navíos de diferentes zonas españolas coma Euskadi ou Valencia.

Concello de Muros
Curro da Plaza nº 1
15250 - Muros - A Coruña
Tel. 981 826 050
Email: muros@muros.dicoruna.es