PROPOSTAS DOS REPRESENTANTES DOS VECIÑOS.
Alberto J. Lestón Cambeiro, representante da parroquia de Torea, queixouse de que durante este ano non se fixera nada en Torea. Que na súa parroquia as obras son as mesmas que as do ano pasado. En canto ao arranxo da ponte de acceso ao lugar de Pando, xa estaba previsto acometer esta obra o ano pasado e aínda non se fixo.
Propuxo:
- Que a brigada de obras debería dispoñer de xente fixa en cada parroquia para realizar tarefas de limpeza e bacheado dos camiños.
-Que levan moitos anos agardando para facer unha pista deportiva. Hai que facer un proxecto, conseguir os terreos e darlle para adiante a esta actuación.
Manuel Fernández Lestón, representante dos veciños da parroquia de Serres, queixouse de que o ano pasado presentara unhas peticións e o único que se fixo foi o punto limpo.
Propuxo:
- Facer o enlace entre o camiño que sube da zona de Valdexería e Baño coa área de Soborribas na que está a piscina, o centro médico e o cuartel. Sendo unha actuación de apenas uns 50 metros.
- Facer un parque infantil en terreos da Comunidade de Montes.
- Enlazar o lugar de Baño polo camiño da Cabreira. A finalidade sería que o lugar tivera unha saída pola parte de arriba.
- Reparar as fontes públicas na Retorta, en Burleo e outra no lugar de Arriba en Serres.
- A instalación de farois entre o centro médico e o lugar, xa que aquela é unha zona moi escura.
María Nieves Formoso Vidal, representante da parroquia de Louro, queixouse de ter que facer as mesmas peticións que xa fixo na reunión do ano pasado. E fixo unha reflexión sobre a conveniencia da existencia do propio consello. Preguntou polo arranxo da estrada de Campo de Cortes a San Francisco, pois leva tempo aprobada pola Deputación e aínda non se acometeu.
Propuxo:
- Instar á Demarcación de Costas para que acometa unha segunda fase do paseo marítimo do Caldeirón ata Fonte Cabada.
- Sanear a zona do campo de fútbol de Filgueira polo vertido de escombros que alí hai.
- O arranxo do camiño das Caramuxas, xa que supón un atallo para ir cara á praia.
- Arranxo do camiño na Lomba das Moas, xunto ao miradoiro de San Francisco. Posto que cando se fixo a rede de sumidoiros quedou sen amañar.
- A limpeza das pistas entre a igrexa de Louro e a estrada de Taxes, polo río Longarela.
- A mellora dos camiños na parroquia.
- Acometer a vixilancia e control nocturno nas zonas de «movida» de Louro. Hai que tomar medidas urxentes xa que danan farois, rompen cristais no colexio, etc… Estes actos vandálicos constitúen algo moi grave e propón que o concello debe tomar medidas como a prohibición expresa de facer «botellón» nos espazos públicos.
- A instalación do repetidor da sinal de TDT en Monte Louro.
- A dotación permanente dun traballador público para o colexio de Louro.
- A construción dun pavillón polideportivo en Louro.
- Acometer a limpeza das marquesiñas.
- O cerramento da escola infantil de Louro.
- A dotación de herba artificial ao campo de fútbol de Agra da Filgueira.
- A construción de beirarrúas no tramo entre o Bar Muíño e o desvío de Fontecomido. Posto que naquela zona hai que camiñar pola estrada.
Ramón J. Dubert Goyanes, representante da parroquia de Muros, queixouse da situación na que se atopa o cableado en toda a vila de Muros, máxime na zona da praza da Pescadería Vella. Á parte da mala imaxe que ofrece, supón un perigo constante para os veciños e turistas.
Propuxo:
- O arranxo da estrada de Miraflores. E a regulación do aparcamento de vehículos que dificultan o paso por tratarse dun camiño moi estreito.
- O arranxo da baixada para o Mercado.
- O remate das obras na Pista da Axesta que levan paradas moito tempo.
- O arranxo do charco que se forma na avenida Castelao xunta ao Kiosko Roque.
- A eliminación do vertido que hai en Miraflores fronte ao pantano.
- A creación de prazas de aparcamento na vila de Muros. Xa que dende hai anos en lugar de crearse novas prazas, ao contrario destruíronse.
- Denunciou o abandono do barrio do Carme, no que a limpeza limítase as vésperas da festa e pouco máis.
- Pediu transparencia na actuación municipal, e pediu a realización dunha publicación na que se expoñan as propostas dos grupos políticos, deixando tamén un espazo para a oposición.
Rosario Piñeiro Maio, representante dos veciños da parroquia de Esteiro, rogou que a marquesiña situada na recta de Creo, xunta á parada de Calvo, que foi quitada polas obras do saneamento, non se volva a poñer no mesmo sitio, senón onde estivo sempre, na beirarrúa de en fronte.
Propuxo:
- A instalación dunha marquesiña na fonte de Solleiros.
- O recuperación das fontes de Uía e do Catalán.
- O arranxo do camiño que vai dende o colexio ata a estrada do porto na Ribeira de Creo.
- A limpeza da rota dos muíños de Medrón en Uía.
- A limpeza do camiño de Agrais.
- Acometer a segunda fase da obra do paseo marítimo de Esteiro.
- A recuperación para os veciños do coñecido como «galpón de Plácido».
Caridad González Cerviño, portavoz municipal do PSdG-PSOE, lembrou que dende o concello non só se deixan de contestar as peticións dos veciños, como se expuxo nesta reunión, senón que tampouco son atendidas as preguntas que fai o grupo socialista. E mesmo se deixan asuntos sen levar aos plenos municipais.
Criticou o labor da concellaría de relacións veciñais e o funcionamento do propio consello. Indicando que a reunión do Consello de Relacións Veciñais estaba totalmente fóra de tempo, xa que as obras que se acometerán no vindeiro exercicio xa foron aprobadas. A concelleira socialista acreditou a conveniencia de escoitar aos veciños cando realmente existe a posibilidade de acometer as actuacións.
María Xosé Alfonso Torres, portavoz do Bloque Nacionalista Galego, indicou que ao Pleno da Corporación lévanse todos os asuntos que teñen que ir, ao contrario do que pasou noutras lexislaturas como en 2007. Cando se pretendeu aprobar un POS sen ir ao Pleno.
En canto á obra da Pista da Axesta, explicou que o concello ía ter unha reunión coa Xunta de Galicia, responsable da actuación, para falar deste tema. E anunciou que en canto se saiban os resultados desta reunión, o goberno municipal poñerase en contacto cos veciños para explicar o resultado de dita reunión. E con respecto a posibilidade de acometer as obras que se propuxeron na reunión, espera que algunha si se poida executar. |